Thursday 02 de May de 2024

O Concello e a Asociación Salitre impulsan o concerto benéfico ‘Isla Bonita’ para recadar fondos para La Palma


• O evento solidario celebrarase o vindeiro 23 de outubro en Canido e a axuda destinarase a asociacións animalistas da illa afectada polo volcán de Cumbre Vieja.

• Durante os vindeiros días irase contactando con máis agrupacións do municipio, con grupos musicais e con establecementos comerciais e hostaleiros para poder implicar ao maior número de persoas posible.

O Concello de Malpica, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre, impulsan a celebración do concerto benéfico ‘Isla Bonita’ para recadar fondos cos que colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Está previsto que a cita teña lugar o vindeiro 23 de outubro en Canido.

A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos.

Co obxectivo de colaborar e facilitar na adaptación a esta situación, o Concello e a Asociación Salitre contactarán nos vindeiros días con máis agrupacións malpicás, con grupos musicais e con establecementos comerciais e hostaleiros para implicar ao maior número de persoas posibles.

O proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación. Irase actualizando información nos vindeiros días.